Thursday 02 de May de 2024

Inés Rey: “Wenceslao Fernández Flórez foi un dos grandes escritores e xornalistas desta cidade”


A alcaldesa presentou ‘A bordo dun barco inmóbil. Artigos de Wenceslao Fernández Flórez sobre A Coruña’, volume editado pola Asociación da Prensa da Coruña e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez en colaboración co Concello da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá ‘A bordo dun barco inmóbil. Artigos de Wenceslao Fernández Flórez sobre A Coruña’, un volume editado pola Asociación da Prensa da Coruña e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez en colaboración co Concello da Coruña. “O Palacio de María Pita acolle hoxe un dos seus fillos predilectos, Wenceslao Fernández Flórez, un dos grandes escritores e xornalistas desta cidade dono do talento retranqueiro que tanto define A Coruña” explicou a alcaldesa.

O volume compila un total de 38 artigos que Fernández Flórez escribiu sobre A Coruña.
Entre eles ‘El buen coruñés’, ‘Las mujeres, el fútbol y los antropólogos’ ou ‘Un barco inmóvil’ que lle dá nome ao volume. Rey destacou o significado do título como homenaxe ao autor, exaltador da Coruña como cidade ancorada no Atlántico. “Unha definición estendida ao longo do tempo, que vai desde aquel ‘cidade que sobre os mares ergue a cabeza altiva’ de Curros Enríquez ata o ‘cidade tatuada na pétrea pel do mar’ de Luísa Villalta, pasando, por suposto, polos textos deste libro” sinalou Rey.

A través dos artigos o lector pode obter unha perspectiva histórica da Coruña lendo crónicas das festas de agosto, do centenario do Circo de Artesáns ou sobre a Sociedade Polifónica ‘El Eco’, así como textos protagonizados por personaxes coruñeses como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro ou Francisco Lloréns.

Rey felicitou a Doda Vázquez, presidenta da Asociación de la Prensa de A Coruña e José Luis Castro de Paz, presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez pola edición do volume. “Para o Concello é unha obriga colaborar neste tipo de iniciativas porque unha
cidade orgullosa e ambiciosa como é A Coruña esixe sempre poñer en valor a súa historia, o seu patrimonio, a súa cultura e a súa identidade como hoxe fixemos” concluíu Rey